¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.

ÁREAS DE TRABALLO

 RECUPERAR O COLECTIVO PARA TRANSFORMAR O AGORA

IGUALDADE

A igualdade é unha necesidade social urxente. Precisamos de espazos seguros, coidados e diversos onde poder estar e medrar en liberdade.

Se unha persoa non pode acceder a un espazo ou non se sinte segura dentro do mesmo non podemos falar de igualdade.

Son moitos os colectivos que sofren, na actualidade e na contorna que habitamos, situacións de discriminación relacionadas con prexuízos e estereotipos que se perpetúan de xeración en xeración. Como persoas e educadoras, non debemos nin podemos ollar para outro lado. Os avances sociais que vivimos nas últimas décadas non son suficientes e temos que formar parte do cambio.

É por isto que ofrecemos diversos proxectos, adaptados e adaptables ás distintas realidades e situacións, poñendo as ferramentas desenvoltas na nosa experiencia persoal e profesional, a disposición dun mundo máis igualitario. Repensar o mundo e repensarnos a nós é imprescindible para a transformación social. Ser conscientes dos nosos privilexios e botar un cabo a quen non os ten é xustiza social.

Ambas, son eixos fundamentais para habitar un mundo máis xusto e nós podemos dotar dos recursos necesarios para achegarnos a el.

DINAMIZACIÓN COMUNITARIA

Estimular a participación activa en tódolos eixos sociais para xerar redes de apoio capaces de acompañar as necesidades das persoas e da contorna.

As esixencias e as formas de vida promovidas na actualidade lévannos a vivir dunha forma máis independente pero tamén máis individualista. Isto fai que as persoas fiquen totalmente illadas, desprovistas de recursos, de rede afectiva e inclusive afastadas da contorna na que viven.

Ante esta situación, é de vital importancia incentivar a participación activa en tódolos eixos sociais para que proliferen distintas redes de apoio e, de novo, se poña en valor o asociacionismo, un piar fundamental para que non morra a identidade dos pobos.

En Outrora ofrecemos distintas formas de intervención social para fomentar a participación cidadá e con ela devolverlle a vida aos barrios que nola deron a nós.

LECER

Adicar tempo ao noso benestar é imprescindible para poder falar de saúde integral. Por isto apostamos por un lecer activo onde poidamos ser protagonistas do noso desfrute.

Os ritmos acelerados e as distintas problemáticas sociais moitas veces impiden que gocemos de actividades que nos divirten e que nos fan sentir ben.

As novas formas de lecer, á súa vez, encamíñanse cada vez máis cara un estar pasivo, no que non é necesario facer ningún esforzo para obter recompensas rápidas como pasar tempo nas redes sociais e ver series ou deportes na televisión. No momento é reconfortante pero cando paramos sentimos que perdemos o tempo, sentímonos mal.

Na nosa cooperativa apostamos por un lecer activo, no que o esforzo empregado se traduza en enriquecemento persoal. Un lecer accesible para tódalas persoas e no que elas ser as principais protagonistas da creación do propio desfrute. O tempo é o único que non se recupera!